Programa 2022!

ARTELLAMOS FEMINISMO.

apúntaste?

Luns 07 de marzo
19:00h

ACTO:

HOMENAXE ÁS MULLERES

A cargo dos grupos que forman parte da Corporación Municipal do Concello de Santiago de Compostela

Evento privado – Auditorio de Galicia (Sala Mozart)

Martes 08 de marzo
11:00h

ACTO:

PREMIO XOHANA TORRES

Fallo do xurado do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres. Organizado pola Concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela.

Pazo de Raxoi – Santiago de Compostela

Segundo o disposto na Base Novena do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres, mediante este anuncio, procede a comunicarse que a decisión do xurado do premio Xohana Torres da Edición 2021, darase a coñecer nun acto público que terá lugar, o vindeiro martes 8 de marzo as 11:00 horas no Pazo de Raxoi.

Lembrando ás persoas participantes nesta edición, que deberán asistir obrigatoriamente ao antedito acto segundo o disposto na Base Décima segunda da citada convocatoria.

Xoves 10 de marzo
18:00h - 20:00h

ROTEIRO:

AS MULLERES DA HISTORIA COMPOSTELÁ

Roteiro guiado polas rúas de Santiago de Compostela para coñecer ás mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade.

Aforo Completo!

Evento presencial

AFORO COMPLETO!

Realización dun roteiro guiado polas rúas de Santiago, coa finalidade de abordar
a historia das mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade. Dende a Idade Media ata
o século XIX, dende mulleres anónimas a raíñas, dende a súa representación na arte da
cidade ata a vida diaria. Deste xeito proporcionaremos unha mirada feminina á historia de
Compostela.

Mércores 16 de marzo
19:30h - 21:00h

PRESENTACIÓN DO LIBRO:

TAMÉN EU
Da autora María Xosé Porteiro
Inscríbete!

Casa Xohana Torres – Santiago de Compostela

A escritora e xornalista María Xosé Porteiro presenta o seu libro, que reúne artigos de opinión feministas publicados en diferentes medios de comunicación. O título fai referencia ao movemento “#MeToo” que empezou por denunciar as violencias sexuais no contexto do cinema. Nesta presentación tamén intervirán: a académica e escritora, Marilar Aleixandre; e a xornalista, María Méndez.

Xoves 17 de marzo
19:00h

TEATRO:

SOA

Unha adaptación do monólogo La donna sola vai (1977) representado pola actriz Rogelia dos Outeiros e dirixido por Fran Rei.

Teatro Principal – Santiago de Compostela

A actriz Rogelia dos Outeiros levará a
escena unha adaptación do coñecido
monólogo “La Donna Sola” de Darío Fo e Franca Rame (1977), dirixida por Fran Rei. O
espectáculo centra a atención na
esperanza e ten como protagonista a
unha muller maltratada física e
psicoloxicamente, que pechada na casa
polo seu marido, atopa na súa nova
veciña unha confidente a quen contarlle a
súa historia, unha válvula de escape para
liberarse da pesada carga que sempre a
acompaña.

Así, evidenciarase unha cruel realidade
que leva escondida demasiado tempo,
nun contexto que mestura o medo, a
desesperación, a tristura e a
claustrofobia, pero tamén liberación
sexual, autoestima, cine e música.

Pese ás circunstancias, o humor está sempre presente e as situación cómicas, serven de catalizador para esta muller, que pouco a pouco conquistará á audiencia.

ENTRADAS DE BALDE: poderanse recoller a partir do 15 de marzo en Zona C. Punto de Información Cultural de martes a sábado de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. E o propio 17 de marzo no Teatro Principal de 18:00h a 19:00h.
Entradas ata completar aforo.

Venres 18 de marzo
19:00h - 21:00h

OBRADOIRO:

BAILACHES? BAILEI!

Baile tradicional para corpos diversos.

Blanca Gilino
Inscríbete!

Casa Xohana Torres – Santiago de Compostela

Taller participativo dedicado a abordar os estereotipos corporais que se atopan no baile tradicional e a maneira en que foron mudando ao longo da historia.

Afondaremos, a través do baile, na diversidade dos corpos, no xeito en que estes interaccionan nas foliadas e como facer delas un espazo integrador e diverso.

Luns 21 de marzo
19:00h - 20:30h

FALADOIRO:

CIBER-ARTIVISMO FEMINISTA

Arte para a transformación social.

Anabel Lorente
Inscríbete!

Casa Xohana Torres – Santiago de Compostela

Anabel Lorente, a través do seu propio traballo como escritora e artista audiovisual, achegaranos a súa mirada cara o storytelling, as súas diversas formas e a utilidade desta arte. Tamén explicará as súas posibilidades como ferramenta de denuncia social e o seu impacto en redes sociais, así como no propio proceso creativo. Ao remate da conversa, poderemos conversar con ela para trasladarlle
dúbidas, compartir ideas ou proxectos, creándose un espazo de proximidade e diálogo.

Mércores 23 de marzo
19:00h - 20:00h

RECITAL DE POESÍA:

A MIN GÚSTAME BAILAR REGGAETON COAS MIÑAS AMIGAS.

Recital de poesía feminista

Lúa Mosquetera
Inscríbete!

Teatro Principal – Santiago de Compostela

Recital de poesía feminista a cargo de Lúa Mosquera, graduada en lingua e literatura galega, poeta e autora dos libros “RasRás” e “Aunque seas rara y seas pájaro” con música en directo a cargo de Pablo Seijas.

A través da literatura e do seu poemario removerá as nosas consciencias, sentidos e sentimentos, mentres nos achega situacións cotiás a través de emocións convertidas en palabras.

Con máis de 10 mil seguidores, utiliza as redes sociais para achegar as súas palabras ao público máis mozo. Cun estilo directo, fresco e cheo de forza, Lúa ofrece recitais acompañados de guitarra que supoñen unha experiencia novidosa na que o importante é a men­saxe, cargada de ideas reivindicativas que apostan por un ideal de muller baseado na liberdade e nos dereitos.

Xoves 24 de marzo
18:00h - 20:00h

ROTEIRO:

AS MULLERES DA HISTORIA COMPOSTELÁ

Roteiro guiado polas rúas de Santiago de Compostela para coñecer ás mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade.

Aforo Completo!

Evento presencial

AFORO COMPLETO!

Realización dun roteiro guiado polas rúas de Santiago, coa finalidade de abordar
a historia das mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade. Dende a Idade Media ata
o século XIX, dende mulleres anónimas a raíñas, dende a súa representación na arte da
cidade ata a vida diaria. Deste xeito proporcionaremos unha mirada feminina á historia de
Compostela.

Venres 25 de marzo
19:00h - 21:00h

PÍLULA INFORMATIVA:

Violencias machistas no ámbito asociativo... Claves para afrontalas

As asociacións, colectivos sociais, non son alleas ás violencias machistas.

Rebeca Castro
Inscríbete!

Casa Xohana Torres – Santiago de Compostela

As asociacións, colectivos sociais, non son alleas ás violencias machistas. Nesta pílula porase o foco na identificación dalgunhas das súas expresións e nalgunhas ferramentas para poder afrontalas.

Do 28 ao 30 de marzo
19:30h - 21:00h

ROTEIRO:

MULLERES DE COMPOSTELA NO SÉCULO XX

Ao longo de 8 paradas, descubriremos momentos da vida de Elvira Santiso, Concha Castroviejo, María Tobío, Pura Lorenzana ou de Pilar Pereira, mais tamén de Ottilia Ulbricht ou Margot Sponer.

Punto de saída: fronte ao Instituto Rosalía de Castro – Santiago de Compostela

Este roteiro percorre aspectos biográficos de mulleres que deixaron pegada na sociedade compostelá do século XX en diferentes ámbitos. Alén de salientar a importancia destas mulleres, quérese, a través do seu exemplo, pór en dúbida o que sabemos da nosa historia, cuestionando os seus límites e limitacións. Ao longo de oito paradas irán destacándose perfís de diferentes ámbitos, como a política, a ciencia ou as artes, sen esquecermos algunhas visitantes ilustres. Descubriremos momentos da vida de Elvira Santiso, Concha Castroviejo, María Tobío, Pura Lorenzana ou de Pilar Pereira, mais tamén de Ottilia Ulbricht ou Margot Sponer.

Datas e horarios: días 28, 29 e 30 de marzo. Todas as sesións son ás 19:30 horas. A duración aproximada é de 1 hora e media.

Punto de saída: Fronte ao Instituto Rosalía de Castro.

Inscrición: Obrigatoria, enviando un correo paseos.compostela@maos.gal ou chamando ao 694 474 166 (de 8h a 13h); co nome, teléfono de contacto e nº de prazas. A inscrición é gratuíta. Acéptanse inscricións ata o 27 de marzo.

Prazas limitadas: 30 persoas por sesión.

Para estes paseos recomendamos chegar uns minutos antes xa que repartiremos radioguías para facilitar a audición. Coas radioguías repartiremos auriculares dun só uso, mais por ecoloxía recomendamos que cada persoa traia os seus propios auriculares.

Mércores 30 de marzo
19:00h - 20:30h

FALADOIRO:

RAZÓNS DE PESO

Desmontando a gordofobia

Andrea Nunes
Inscríbete!

Casa Xohana Torres – Santiago de Compostela

Neste faladoiro, a autora e activista transfeminista Andrea Núñez, compartirá as súas experiencias coa gordofobia, o que nos permitirá comprender a situación de discriminación á que son sometidas ás persoas pola súa diversidade corporal; e tomar conciencia de que este tipo de discriminación supón unha opresión máis na nosa sociedade.

Sábado 02 de abril
10:30h - 13:45h

OBRADOIRO:

COEDUCACIÓN NA INFANCIA

Actividades e xogos para nenos e nenas, buscando fomentar a súa participación e xerar conciencia desde a infancia na promoción da igualdade.

Aixa Permuy
Inscríbete!

Centro Cultural de Fontiñas – Santiago de Compostela

Obradoiro práctico para a infancia que da man de Aixa Permuy, doutora en educación e investigadora de xénero, gozará dun espazo educativo e lúdico conformado por actividades e xogos enfocados na construción e deconstrución de estereotipos de xénero.

Tendo en conta as novas masculinidades e os factores que inflúen na aprendizaxe dos roles sexuais, foméntase así a participación nas actividades de nenos e nenas, de entre 4 e 11 anos, para a promoción da igualdade nesta etapa de desenvolvemento.

Aixa Permuy, coñecedora de como se adquiren os roles e estereotipos de xénero, así como o papel que xogan as persoas adultas como modelos na adquisición dos mesmos, ofreceralles unha contorna na que potenciar aqueles valores, actitudes e coñecementos que posibilitan un desenvolvemento integral da súa personalidade, independentemente do seu sexo e impulsándolles a crear unha conciencia responsable e participativa como membros da sociedade na que viven.

A xornada distribuirase en tres bloques tendo en conta a idade dos nenos e nenas participantes co obxectivo de adecuar as actividades a cada etapa madurativa:

10:30H – 11:15H. Obradoiros para nenos e nenas de entre 4 e 5 anos.

11:30H – 12:30H. Obradoiros para nenos e nenas de entre 6 e 7 anos.

12:45H – 13:45H. Obradoiros para nenos e nenas de entre 8 a 11 anos.

Martes 05 de abril
19:00h - 20:30h

COLOQUIO:

FEMINISMO: NOVOS TEMPOS, NOVOS RETOS

Unha das voces máis potentes da mocidade LGBTIQ+

Elizabeth Duval
Inscríbete!

Evento online

Coloquio de Elizabeth Duval, licenciada en filosofía pola Universidad de París 1 Panthéon-Sorbonne e Letras pola Universidade Sorbona Nova de París 3 que na actualidade reside en París.

Unha das voces máis potentes da mocidade LGBTIQ+, busca ser a voz da súa xeración a través das súas conferencias e os seus escritos.

Unha muller da xeración Z, que con 19 anos xa é un referente da poesía e do activismo, cun discurso consciente e de implicación feminista que comparte a través de ideas claras, palabras precisas e inquedanzas de marcada orientación filosófica pero que nacen dunha realidade persoal ben comprendida e integrada.

Mércores 20 de abril
19:00h - 20:30h

CONFERENCIA VIVENCIAL:

CAMBIAR AS IMAXES PARA CAMBIAR O MUNDO

Analizaremos a importancia das imaxes na construción da nosa sociedade, facendo un percorrido desde a pintura ata os mass media.

Yolanda Domínguez
Inscríbete!

Teatro Principal – Santiago de Compostela

Conferencia vivencial a cargo de Yolanda Domínguez, artista visual, escritora e activista, na que falará sobre os estereotipos de xénero nas mensaxes audiovisuais e sobre como empregar a imaxe para lograr una sociedade máis igualitaria. 

Fa­cendo un interesante percorrido pola historia das imaxes, desde a pintura ata os mass media, reflexionará sobre como nos inflúen as imaxes e ofre­cerá alternativas para subverter o discurso dominan­te e consumir e crear imaxes desde unha liberda­de positiva e conscientes da súa dimensión social.

Yolanda Domínguez, a través das súas intervencións e libros, achegaranos temas de conciencia feminista e crítica social relaciona­dos co xénero, o consumo e a arte como ferramenta social.

Tamén analizará a importan­cia e o papel que desempeñan as imaxes na cons­trución da nosa identidade e do noso xénero, presentando a imaxe como un gran motor de cambio para o mundo e a arte como un lugar de intercambio social.

Sábado 23 de abril
10:00h - 13:30h

3 OBRADOIROS: NUTRICIÓN CONSCIENTE | CORPORALIDADE | MINDFULNESS

UNHA MAÑÁ CONTIGO

Obradoiros centrados no autocoidado, nos que poderás coñecer técnicas para a mellora do teu benestar.

Belén Ventín
Mita Beutel
Manuel Darriba
Inscríbete!

Centro Cultural de Fontiñas – Santiago de Compostela

Tres emocionantes obradoiros a cargo de Belén Ventín, Mita Beutel e Manuel Darriba, centrados no autocoidado, nos que poderás experimentar e coñecer técnicas para a mellora do teu benestar.

Espérate:
Un taller de nutrición consciente.
Un taller sobre a im­portancia da corporalidade como ferramenta de expresión.
E un terceiro obradoiro sobre mindfulness enfocado en xestionar a ansiedade e o estrés.

Unha xornada de coidados e un tempo de calidade que representan unha oportunidade para poñer o foco en ti e coñecer tres po­derosos recursos para estar por ti e contigo desde a atención plena e o mimo.

Martes 26 de abril
19:30h - 21:00h

MONÓLOGO:

DESAPAREZA AQUÍ

Monólogo feminista sobre asuntos escabrosos, poñendo o foco nas crenzas que aínda existen sobre o humor e as mulleres no século actual.

Patricia Sornosa
Inscríbete!

Teatro Principal – Santiago de Compostela

Monólogo de Patricia Sornosa, recoñecida cómica, escritora, actriz e comunicado­ra feminista. Rostro habitual de Comedy Central, Late Motiv, Sin Censura e Stop Princesas, será quen de levarnos á reflexión a través da risa.

Compartiranos a súa opinión sarcástica sobre aqueles asuntos escabrosos que máis lle importan, desde un estilo directo e moi persoal, poñendo o foco nas crenzas que aínda existen sobre o humor e as mulleres no século actual.

O seu humor combativo non deixará indiferente a ninguén. Unha invitación á risa furiosa, á reflexión lóxica e á sorpresa cómica, na que Patricia colocará sobre o escenario os prexuízos e clixés existentes, empregando unha linguaxe clara e contundente.

Marzo
ao longo de todo o mes

COMPigual:

COMPOSTELA POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Campaña nos centros de ensino para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Santiago de Compostela

Campaña nos centros de ensino para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero en Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.

– Talleres presenciais en Institutos de Educación Secundaria: 

  • “Falemos de masculinidade, falemos de igualdade”.
  • “Des-conectarse da violencia: previndo a violencia no novo contexto dixital”.

– Acción conxunta familias e alumnado: Guía de lecturas “Lendo en e pola igualdade”.

– Reparto de material de merchandising COMPigual nos centros educativos.

Marzo - Abril
ao longo dos meses

REPORTAXE AUDIOVISUAL:

DEPORTE EN IGUALDADE

Produción audiovisual interxeracional que recolle as reflexións en primeira persoa sobre a igualdade no deporte de varias deportistas do Concello de Santiago.

Redes sociais

Marzo - Abril - Maio
ao longo dos meses

Programa:

REENCONTRO NAS PARROQUIAS

Programa de actividades deseñado para analizar as consecuencias derivadas da situación vivida pola pandemia da Covid 19 na saúde física e emocional das mulleres do rural de Santiago de Compostela.

Diferentes localizacións – Santiago de Compostela

Séguenos polas redes!

Séguenos polas redes!

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usabilidade. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies